CORDELÚA. (2007), Elia Barceló


Cuberta do orixinal en castelán


A autora, Elia Barceló

O XINETE DETIVO o galope do seu cabalo e, xa ao paso, levouno polo sendeiro empinado ata o cumio do outeiro. Cabalgara toda a noite e podía dedicar uns instantes para ver desde a altura a vila da que saíra case tres meses atrás.
Todo seguía igual que o día da súa marcha, fermoso e en paz: o Arlanzón discorría coma unha preguiceira serpe prateada entre os campos dourados xa de trigo maduro: as tenues columnas de fume de todas as casas onde se cocía o pan elevábanse ao ceo, dun azul clarísimo, cun fío rosado aínda no horizonte polo que o sol acababa de asomar; a torre da igrexa, á súa esquerda, amosaba con orgullo a fe dos habitantes da vila, e o sólido e chato castelo de Vivar proclamaba o seu empeño de defendela contra calquera ataque, tanto de mouros coma de cristiáns.

(Comezo de Cordelúa)

___________________________________________________________________

O HOBBIT. (1937), J. R. R. Tolkien


“NUN BURATO NO chan vivía un hobbit. Non era un burato noxento, sucio, húmido, cheo de restos de vermes e con cheiro a lama, e tampouco un burato seco, baleiro e areento, sen nada no que sentar ou que comer: era un burato-hobbit, e iso quere dicir comodidade.
Tiña unha porta perfectamente redonda coma un ollo de boi, pintada de verde, cunha brillante aldraba de bronce xusto no medio. A porta daba a un recibidor cilíndrico coma un túnel: un túnel moi cómodo, sen fume, coas paredes revestidas de madeira e os chans lousados e alfombrados, provistos de lustrosas cadeiras e moreas e moreas de perchas para chapeos e abrigos (ó hobbit encantábanlle as visitas). O túnel cobregueaba e adentrábase bastante, aínda que non directamente, na ladeira do outeiro (O Outeiro, como lle chamaba todo o mundo moitas millas ó redor) e nel abríanse moitas portiñas redondas, primeiro nun lado e despois no outro. Nada de subir escaleiras para un hobbit: dormitorios, aseos, adegas, despensas (moitas), armarios (cuartos enteiros destinados á roupa), cociñas, comedores, todos quedaban no mesmo andar, e certamente no mesmo corredor. Os mellores cuartos estaban todos á man esquerda (segundo se entra), xa que eran os únicos que tiñan xanelas redondas fondamente cavadas que daban ó xardín, e ós prados de alén, baixando ó río.
Este hobbit era un hobbit moi acomodado, e apelidábase Bulseiro…”

(Comezo de O hobbit)

____________________________________________________________________